Marea de Vigo-Son en Común levará ao Pleno a proposta de alianza da cidade de Vigo á declaración pola emerxencia climática


Oriana Méndez: “unha urxencia evidente ir artellando un proceso de educación cidadá, de toma de consciencia colectiva sobre a realidade da crise ecolóxica e o enorme cambio e esforzo que teñen que acometer as administracións públicas para frear esta emerxencia.

Marea de Vigo-Son En Común súmase á proposta de numerosas organizacións asinantes da Declaración de instar aos gobernos locais ao recoñecemento doestado de emerxencia climática no que nos atopamos mediante a adopción de medidas reais para paliar o cambio climático nas nosas cidades.

Vigo, 28-08-2019. Na moción que Marea de Vigo-Son EN Común presentará ao Pleno do vindeiro mércores catro de setembro e que foi redactada por diversos colectivos ambientais e ecoloxistas ínstase a que o Concello de Vigo “recoñeza que o planeta, así como os seres vivos e os ecosistemas, atópanse en grave perigo, proba diso son os recentes informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES e sobre o quecemento global de 1,5 º C doIPCC, que alertan dun rumbo que leva á extinción dunha gran parte dos ecosistemas terrestres. Un millón de especies están ameazadas pola actividade humana. Tamén se está ao bordo do punto de non retorno fronte ao cambio climático. Non responder ante a crise ecolóxica e civilizatoria supoñería a morte de millóns de persoas, ademais da extinción insubstituíble de especies imprescindibles para a vida na Terra, dadas as complexas interrelacións ecosistémicas.”

Na mesma indícase que “declarar a emerxencia climática require asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, moito máis ambiciosos que os actuais, coa consecuente asignación de recursos para facer fronte a esta crise”. Polo que esíxese que os Concellos “asuman compromisos sobre as medidas que se deben adoptar” e que se comprometan a elaborar unha “folla de roteiro vinculante en liña coas indicacións do informe do IPCC para limitar o aumento das temperaturas globais a 1,5 º C”.

Entre as medidas que esta declaración esixe, medidas que numerosas cidades do estado español como Barcelona, Málaga, etc… está a acordar, indícanse “establecer os compromisos políticos, normativas e recursos necesarios para garantir reducións de gases de efecto invernadoiro para chegar ao balance neto cero non máis tarde de 2040 e se é posible antes de 2035, así como deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas como única resposta posible para evitar un colapso de todos os sistemas naturais, incluído o humano”.

“A aposta por unha enerxía 100 % renovable, abandonando os combustibles fósiles é urxente e prioritaria – matiza Oriana Méndez – os gobernos municipais deben pular por acadar este obxectivo poñendo en funcionamento as ferramentas necesarias, como frear novas infraestruturas fósiles ou articular políticas reais por unha mobilidade sustentable”.

Avanzar, entre outras, nunha economía local e de proximidade, que impulse a soberanía alimentaria, silvicultura, agricultura e gandería ecolóxica e de proximidade tamén forman parte das demandas recollidas na moción, como parte do inicio da necesaria adaptación do municipio de Vigo á crise climática, que está tendo consecuencias coma o incremento da temperatura global, as ondas de calor, a irregularidade das precipitacións, o aumento do nivel do mar, así coma outros fenómenos que xa se están manifestando.

Comentarios